O Día do Libro é sempre unha ocasión especial na nosa comunidade escolar, unha oportunidade para celebrar a literatura, compartir o amor polos libros e animar a seguir lendo e explorando novos mundos.
Ó longo desta semana, realizamos varias actividades para conmemorar esta data tan importante e agora toca compartir con vós o resultado:
Amigo Invisible. Todo o alumnado, dende EI ata ESO, participou nun amigo invisible onde lle tocou agasallar a un compañeiro ou compañeira cun libro propio envolto con agarimo. O intercambio foi un momento de moita emoción, risas e agradecemento.
«Ao Aire Libros» Un curso máis, e grazas ó bo tempo, profesorado e alumnado saímos ao parque de San Francisco para desfrutar da lectura nun entorno relaxado. Os máis peques estiveron acompañados dos seus padriños e madriñas de ESO, os cales lles leron os seus contos favoritos.
«Bookflix» Nesta actividade, realizada dende a materia de Lingua Estranxeira, o alumnado de 3º e 4º ESO creou un «Netflix de libros» onde nos compartiron algunhas das súas recomendacións para descubrir novas lecturas.
Amigo Invisible entre o profesorado. E, por último, unha actividade que xa se ven repetindo durante cursos e que non podía faltar! Os profes participamos nun amigo invisible onde agasallamos lecturas ós nosos compis.