Neste mes de maio recibimos dúas visitas moi especiais arredor da literatura galega e do encontro cos libros:
Sabela Fernández Trelles reuniuse co alumnado de 1º e 2º ciclo de Primaria para falar dos seus libros «Augusta e os seus medos» e «Que queres ser de maior, pequena?». Foi un encontro cheo de lectura, participación e moita curiosidade, no que non faltaron as preguntas do alumnado… nin tampouco unha canción! Para rematar esta fermosa xornada, Sabela asinounos algúns exemplares dos seus libros, un recordo moi especial desta visita. Que sorte contar con momentos así!


Por outra banda, o alumnado de 3º e 4º da ESO compartiu a tarde do luns con Eva Mejuto, nun encontro que permitiu afondar no coñecemento de Begoña Caamaño, autora homenaxeada nas Letras Galegas 2026. Foi unha oportunidade magnífica para achegarse á súa figura e obra desde unha perspectiva máis próxima e reflexiva, poñendo en valor o legado dunha autora imprescindible da literatura galega.


Moitas grazas, Sabela e Eva, por compartir o voso tempo, coñecemento e entusiasmo co noso alumnado.
